Ven de publicarse o Caderno I do Proxecto CIDEC, baixo o título Cara a unha comunicación non excluínte. Esta obra resume o traballo realizado ao longo da primeira fase do proxecto, que rematou o maio pasado coa celebración do I Encontro Cidadanía e Educomunicación. O Caderno estructúrase en dous grandes bloques, por unha banda estarían os grupos de discusión celebrados a finais de 2014 con representantes de organizacións sociais, medios comunitarios e xornalistas. Ditos grupos de discusión foron transcritos e analizados polo equipo de investigadores do proxecto. Por outra banda, o Caderno recolle os seminarios téoricos celebrados entre finais de 2014 e principios de 2015. Faino a través de textos elaborados polos profesores que os impartiron e da elaboración dun glosario que recolle os principais conceptos tratados nos mesmos. Pódese consultar a obra na súa totalidade no seguinte enderezo: https://cidadaniaecomunicacion.files.wordpress.com/2014/11/caderno-i-do-proxecto-cidec-cara-a-unha-comunicacic3b3n-non-excluc3adnte.pdf, así como na sección de Materiais deste blogue. Ratifícase así o compromiso da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), que pilota o proxecto CIDEC, coa divulgación científica e o diálogo constante coa sociedade. Nas vindeiras semanas está prevista a edición do Caderno II do proxecto, que recollerá o traballo levado a cabo na segunda fase e que servirá de colofón final. O proxecto CIDEC está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea.
Monthly Archives: Outubro 2015
A Universidade e os medios de comunicación deben ter sensibilidade social
– Remata o ‘II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’, que se celebrou en Santiago dende o mércores ata hoxe
– Investigadores, organizacións sociais e comunicadores conversaron sobre a necesidade de tender pontes entre os tres eidos e mellorar a formación
O proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), desenvolvido por 5 grupos de investigación galegos, dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), organizou o II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións. Celebrouse dende o mércores ata hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No encontro participaron investigadores, comunicadores, organizacións sociais e activistas ligados aos catro grupos sociais cos que traballa o proxecto CIDEC: persoas con diversidade funcional, mulleres, infancia e xuventude, e persoas migrantes. Ademais presentouse o Observatorio Cidadán da Comunicación (OCC), unha ferramenta de análise e reflexión sobre a comunicación en tódalas súas vertentes, prestando especial atención á labor dos medios de comunicación. Dito Observatorio nace coa vontade de facilitar a participación dos grupos sociais vulnerables no eido comunicativo. O proxecto CIDEC está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea.
Mañá comeza o ‘II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’
O proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), desenvolvido por 5 grupos de investigación galegos, dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), organiza o ‘II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’. Celebrarase en horario de mañá e tarde durante o mércores 7 e o xoves 8, rematando na mañá do venres 9, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No encontro participarán investigadores, comunicadores, organizacións sociais e activistas ligados aos catro grupos sociais cos que traballa o proxecto CIDEC: persoas con diversidade funcional, mulleres, infancia e xuventude, e persoas migrantes. O II Encontro ten por obxectivo recoller experiencias de participación nos diversos colectivos sociais e comunidades, así como idear entre estes, os comunicadores e os investigadores sociais, ferramentas, accións e procesos que axuden a unha mellor comunicación entre todos eles e permitan un coñecemento e recoñecemento igualitario e compartido. O proxecto CIDEC está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea.