O proxecto de investigación “Cidadanía e Educomunicación: vulnerabilidade mediática, capacitación comunicativa e desenvolvemento nas comunidades locais e en grupos de atención social prioritaria” (CIDEC) está cofinanciado pola Xunta de Galicia e polos fondos FEDER da UE e conta cun prazo de execución dun ano (finais de 2014-2015). O seu obxectivo é mellorar a forma en que son representados determinados grupos sociais vulnerables (mulleres, persoas con discapacidades, migrantes e xuventude), para que se respecten os seus dereitos e intereses.

O proxecto Cidec consta de dúas fases. Nunha primeira etapa, analizaranse as formas en que son representados nos medios de comunicación galegos os mencionados grupos sociais de atención prioritaria. E nunha segunda fase,  trátase de estudar as formas nas que os propios grupos se poden autorrepresentar grazas ás ferramentas de comunicación.

No proxecto participan cinco grupos de investigación das tres universidades galegas: Cidacom e Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Traballo Social e Servizo Social máis HI2 da Universidade Vigo (UVigo), e Esomi da Universidade da Coruña (UDC). Ademais, tamén están implicados medios de comunicación e colectivos formados por grupos de atención social prioritaria.

O proxecto está dirixido polo Dr. Marcelo Martínez Hermida, do Departamento Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, quen traballa no grupo de investigación consolidado Cidacom.

Advertisement
A %d blogueros les gusta esto: