Os vindeiros días 8 e 9 de setembro celebrarase na Cidade da Cultura (CdC) de Santiago de Compostela o ‘I Encuentro Internacional Jóvenes e Inclusión’. O Encontro pretende reflexionar sobre unha sociedade máis inclusiva para a xuventude máis vulnerable. Para ilo é necesario establecer políticas de inclusión social e laboral, pero tamén xerar espazos para a súa participación e para o exercizo activo da cidadanía. Pódense presentar comunicacións no Encontro: http://encuentro.joveneseinclusion.org/comunicaciones_798721885_16616.html. Sendo o prazo límite para o envío das mesmas o 15 de agosto. Así mesmo pódese consultar toda a información sobre o Encontro no seguinte enderezo: http://encuentro.joveneseinclusion.org/inicio_798721841.html
Nº 2 da Revista Internacional de Comunicación e Desenvolvemento (RICD)
A Revista Internacional de Comunicación e Desenvolvemento (RICD) ven de publicar o seu nº 2. O mesmo ten como eixos a vulneración de dereitos e a representación social e mediática de dous dos grupos de atención social prioritaria cos que traballa o proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC): mulleres e infancia e xuventude. Ademais o número presta especial atención ao ‘I Encontro Cidadanía e Educomunicación: cara unha comunicación non excluínte’ organizado por CIDEC os días 25 e 26 de maio, dando visibilidade ás conferencias de Ellen Helsper e Natalia Ribas, así como ás conclusións do Encontro. A RICD forma parte da estratexia da Rede Europa/América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), o seu director, Marcelo Martínez, é o coordinador de REAL_CODE e investigador principal do proxecto CIDEC. No seguinte número da RICD abordaranse os outros dous grupos de atención social prioritaria nos que se centra CIDEC: persoas con diversidade funcional e migrantes. Pódense consultar os diversos contidos (conversas, artigos, ensaios…) do nº 2 no seguinte enderezo: http://www.usc.es/revistas/index.php/ricd/index
O ‘I Encontro Cidadanía e Educomunicación: cara unha comunicación non excluínte’ nos medios
Os pasados días 25 e 26 de maio, o proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC) organizaou o ‘I Encontro Cidadanía e Educomunicación: cara unha comunicación non excluínte’ na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. CIDEC é un proxecto que está a desenvolver a Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE) co financiamento da Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea. Este I Encontro funcionou como colofón da primeria fase do proxecto CIDEC, e como comezo da segunda e derradeira etapa do mesmo, que concluirá cun II Encontro a comezos de outono. O Encontro serviu para achegar os diversos puntos de vista das organizacións sociais, os profesionais dos medios de comunicación e o eido académico e investigador, no tocante á comunicación e as posibles exclusións e vulneracións de dereitos que na mesma se dan. A presenza de xornalistas ao longo das xornadas reflectiuse na cobertura que o Encontro tivo nos medios. Ademais da reportaxe que publicou Ana Viqueira no Novas da Galiza, Galicia Confidencial lanzou unha nova, e investigadores do proxecto foron entrevistados no programa Convivir en igualdade, de Radio Galega, así como en Santi Teve, de Santiago TV.
O proxecto ’25 anos de investigación sobre Comunicación en España (1990-2015)’ estrea web
[INCOMES-25 launches website]
O Grupo de Estudios Avanzados de Comunicación (GEAC) da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid está a desenvolver durante o periodo 2013-2016 o proxecto ’25 anos de investigación sobre Comunicación en España (1900-2015): Producción científica, comunidad académica y contexto institucional’ (INCOMES-25). No marco do mesmo veñen de pór en marcha unha páxina web (http://incomes-25.es/), que servirá para a difusión dos resultados das súas investigacións, así como de punto de encontro con investigadores de todo o estado. GEAC forma parte da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE). O investigador principal do proxecto é Manuel Martínez Nicolás e no mesmo participan 13 investigadores de 8 universidades do estado e unha latinoamericana, incluido Marcelo Martínez Hermida, coordinador de REAL_CODE e investigador principal do proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC). A financiación corre a cargo do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación, do Ministerio de Economía e Competitividade.
Dispoñible a nova edición de ‘ÂNCORA – Revista Latino-americana de Jornalismo’
[Available the new edition of ‘ÂNCORA – Revista Latino-americana de Jornalismo’]
A revista científica ‘ÂNCORA – Revista Latino-americana de Jornalismo’, ven de pór a disposición de tódolos seus lectores a súa nova edición, un monográfico sobre Xornalismo, Participación e Cidadanía. Dito número ven a ser o Vol. 2 Nº 1 da revista, correspondente ao semestre Xaneiro – Xuño 2015. Âncora é unha publicación vinculada ao programa de posgrado da Universidade Federal da Paraíba (Brasil). Marcelo Martínez Hermida, coordinador da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE) e investigador principal do proxecto CIDEC, forma parte do Consello Científico de dita publicación (http://periodicos.ufpb.br/ojs2/index.php/ancora/about/editorialTeam). Consolídase así, a aposta de REAL_CODE de fomentar a interacción e a cooperación entre investigadores europeos e latinoamericanos no eido da comunicación e as ciencias sociais. Pódese acceder a tódolos artigos de Âncora dende o seguinte enderezo: http://periodicos.ufpb.br/ojs2/index.php/ancora/issue/current.
A rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo organiza o ‘Obradoiro de radio en igualdade’
A Asociación Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo, organiza, dentro do proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), un obradoiro sobre radio en igualdade. Dito curso de formación é completamente gratuito e levarase a cabo tódolos martes dende o 30 de xuño ata o 28 de xullo, na Oficina Municipal do distrito do Casco Vello (Rúa Oliva, 12). A inscripción pódese realizar chamando ao número 986222328. A última sesión terá lugar no estudo de radio da Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela, porto que o obradoiro é froito da intensa colaboración que están a desenvolver a Rede de mulleres e a Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE) ao abeiro do proxecto CIDEC dende finais do ano pasado. Dito proxecto busca tender puntos de encontro entre o eido da investigación e o entramado social e activista, e conta con financiamento da Xunta de Galicia e dos fondos FEDER da Unión Europea.
Obradoiro ‘Mediabiografía’, impartido por Virginia Villaplana na asociación Alento de Vigo
Persoas que participaron no obradoiro ‘Mediabiografía’/ Mediabiography workshop participants
Os pasados luns 8, martes 9 e mércores 10 celebrouse o obradoiro ‘Mediabiografía’, nas instalacións da Asociación de Dano Cerebral de Vigo (Alento), na cidade olívica. O taller foi impartido por Virginia Villaplana, artista, escritora e profesora de Comunicación Audiovisual na Universidade de Murcia. No mesmo participaron un grupo de persoas usuarias desta asociación e outro procedente de COGAMI. Esta actividade forma parte do proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), que está a desenvolver a Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), co financiamento da Xunta de Galicia e dos fondos FEDER da Unión Europea.
Obradoiro para a mocidade ‘Crea, actúa’, impartido os días 27 e 28 de maio por Platform London na Coruña
O colectivo artístico Platform London impartirá este mércores 27 e máis o xoves 28 de maio, o taller de arte e expresión ‘Crea, actúa’ na Coruña. A organización Ecos do Sur acolle dito obradoiro dentro do proxecto Agra Civis. Dúas facilitadoras de Platform London atópanse esta semana en Galicia convidadas polo proxecto CIDEC, que leva a cabo a Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE). Ecos do Sur ten colaborado activamente neste proxecto, e desa relación nace esta iniciativa. O obradoiro é completamente gratuito e impartirase polas tardes de 16h a 20h. No mesmo participa tamen a organización IGAXES 3.
I Encontro ‘Cidadanía e Educomunicación: cara unha comunicación non excluínte’
O proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), desenvolvido por 5 grupos de investigación galegos, dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), organiza o I Encontro Cidadanía e Educomunicación: cara unha comunicación non excluínte. Celebrarase en horario de mañá e tarde o luns 25 e o martes 26 de maio, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O Encontro xirará en torno aos grupos sociais máis vulnerabilizados da nosa sociedade, e fomentará a posta en marcha dunha comunicación non excluínte, que facilite o empoderamento destes grupos. O proxecto CIDEC está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea.
II Xornada de Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia “Adolescentes en Conflicto: Un reto para os/as profesionais”
A Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (ASEIA) organiza a II Xornada de Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia “Adolescentes en Conflicto: Un reto para os/as profesionais” o vindeiro 27 de Xuño de 2015, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. ASEIA forma parte do proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), co que está a colaborar de forma activa. Estas xornadas contan co apopio da Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, o Instituto Wilhelm Reich-Galicia e Trébore S.L.