Conferencia de Boaventura de Sousa Santos na Universidade da Coruña

Boaventurasousasantos06052007-300x233

[Boaventura de Sousa Santos conference at Coruña University]

Este venres, día 24 de abril, Boaventura de Sousa Santos, un dos principais sociólogos do mundo, vai dar unha conferencia na Universidade da Coruña (UDC). Dita Universidade está a celebrar os 25 anos da súa fundación a través do Ciclo de conferencias ‘A Universidade pública posible’, dentro do cal se inscribe a conferencia de Sousa Santos. O acto terá lugar ás 12.00 na Facultade de Socioloxía da UDC. O grupo de investigación ESOMI, situado nesa mesma facultade forma parte da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), así como do proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), que se está a desenvolver na actualidade. A presencia de Sousa Santos é de especial relevancia tendo en conta que é un dos grandes teóricos no eido da epistemoloxía e a defensa dos dereitos humanos. A conferencia poderá verse por streaming na canle da UDC: http://www.udctv.es/#/live

 Boaventura de Sousa Santos é Profesor Catedrático xubilado da Faculdade de Economia da Universidade de Coimbra, Distinguished Legal Scholar da Facultade de Dereito da Universidade de Wisconsin-Madison e Global Legal Scholar da Universidade de Warwick. É igualmente Director do Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra e Coorienador Científico do Observatorio Permanente da Xustiza Portuguesa.

Dirixe actualmente o proxecto de investigación ALICE – Espellos estraños, leccións imprevistas: definindo para Europa un novo modo de compartir as experiencias ao mundo, un proxecto financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), un dos máis prestixiosos e competitivos financiamentos internacionais para a investigación científica de excelencia no espazo europeo.

Ademais é coordinador científico dos Programas de Doutoramento:
– Human Rights in Contemporary Societies
– Democracia no Século XXI
– Post- Colonialismos e Cidadanía Global

Foi tamén co-fundador do programa de doutoramento de Dereito, Xustiza e Cidadanía no Século XXI. Ten traballos publicados sobre a globalización, socioloxía do dereito, epistemoloxía, democracia e dereitos humanos. Os seus traballos encóntranse traducidos ao español, ao inglés, ao italiano, ao francés, ao alemán e ao chinés.

Deixar un comentario