Mañá comeza o ‘II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’

Captura de pantalla 2015-10-06 10.59.49O proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), desenvolvido por 5 grupos de investigación galegos, dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), organiza o ‘II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’. Celebrarase en horario de mañá e tarde durante o mércores 7 e o xoves 8, rematando na mañá do venres 9, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No encontro participarán investigadores, comunicadores, organizacións sociais e activistas ligados aos catro grupos sociais cos que traballa o proxecto CIDEC: persoas con diversidade funcional, mulleres, infancia e xuventude, e persoas migrantes. O  II Encontro ten por obxectivo recoller experiencias de participación nos diversos colectivos sociais e comunidades, así como  idear entre estes, os comunicadores e os investigadores sociais, ferramentas, accións e procesos que axuden a unha mellor comunicación entre todos eles e permitan un coñecemento e recoñecemento  igualitario e compartido. O proxecto CIDEC está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea.

Observatorio Cidadán da Comunicación, mesas de debate e un obradoiro

Dentro do II Encontro, presentarase, o xoves ás 12.30 h., o Observatorio Cidadán da Comunicación (OCC), unha ferramenta de análise e reflexión sobre a comunicación en tódalas súas vertentes, prestando especial atención á labor dos medios de comunicación. Dito Observatorio nace coa vontade de facilitar a participación dos grupos sociais vulnerables no eido comunicativo. Así mesmo, terán lugar tres mesas de debate, unha entre comunicadores e organizacións sociais (mércores 7, 16 h.), outra entre estas últimas e investigadores (xoves 8, 9.30 h.), e unha terceira entre académicos e comunicadores (xoves 8, 16 h.). Nestas mesas abordaranse os pasos a dar para que os grupos de atención social prioritaria poidan pasar do eido da representación ao da participación na xestión do común.

Por outra banda, o colectivo Ergosfera impartirá un  Obradoiro de mapas socio-comunicativos participativos, durante as mañás do mércores 7 e o venres 9. No que se reflexionará, dende o local, os problemas dos grupos de atención social prioritaria, así como os actores, as dinámicas e os recursos existentes. O Encontro rematará coa lectura das conclusións das diversas mesas o venres ás 13 h. Todas as sesións do Encontro levaranse a cabo no Visionado 1 da Facultade, e estarán abertas a toda a cidadanía. Salvo o obradoiro de mapas socio-comunicativos, que se celebrará na Aula Informatizada 7 e que require de inscrición previa.

Deixar un comentario